Presentación

I CONGRESO DE XÉNERO, MUSEOS E ARTE
11,  12 e 13 outubro 2013
Rede Museística Provincial de Lugo

A visibilización das mulleres na Historia da Humanidade é o obxectivo principal cara ao que van encamiñados os “Estudos de Xénero/Mulleres” impulsados polo movemento feminista que naceu nos anos sesenta do século XX. Abriron unha nova perspectiva, enriquecendo a Historia que se escribira ata entón, analizando as relacións sociais entre mulleres e homes e construíndo un discurso científico no que se reflectían ambos os sexos.
Neste seminario propoñeremos interesantes reflexións sobre: a Historia das Mulleres, o Xénero, os Museos e a Arte. Unha conxunción de catro aspectos cun denominador común, as mulleres, e na que poderemos analizar cada un deles, de maneira detallada, tanto a través de experiencias concretas e vividas como de daquelas máis xerais, na teoría e na práctica.
Unha aproximación e estado da cuestión dos estudos de xénero, así como o caso concreto dalgunhas asociacións de mulleres, que melloran a vida de moitas persoas, e intervencións sobre a Historia das Mulleres abrirán este Congreso. Asistiremos, tamén, a un repaso completo dos museos dedicados ás mulleres en España estudando, tamén, que representación teñen as mulleres nos museos e centros patrimoniais a través das imaxes, concepto e linguaxe.
Falando da muller e a Arte Contemporánea poderemos ver tanto o triunfo da independencia como a consecución dun obxectivo e a través das súas obras unha nova vía de comunicación, máis extensa, que nos relata as vidas e experiencias das mulleres e sobre as mulleres no pasado e no presente.
Coa realización deste Seminario, pretendemos fortalecer as políticas e iniciativas públicas e privadas dirixidas a promover a igualdade de oportunidades entre os sexos e a loita contra o sexismo, desde o ámbito da educación, vendo que as mulleres representaron e representan, ao igual que os varóns, o 50% da nosa sociedade.
O  Congreso de Xénero, Museos e Arte celebrarase en Lugo e no marco dos Museos da Rede Museística Provincial de Lugo (Galicia, España) os días 11, 12 e 13 de outubro de 2013.

ORGANIZACIÓN E ENTIDADES COLABORADORAS

Este Congreso está organizado pola Rede Museística Provincial de Lugo e conta coa colaboración de distintas institucións museísticas de calado, entre outras, o Museo de Belas Artes de Murcia, así como o seu Centro de Estudos de Museoloxía; o Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC); o Museo de León; o Centro Buendía da Universidade de Valladolid; o Museo Thyssen-Bornemisza; o Museo Arqueolóxico de Cacabelos e o Festival Miradas Mulleres 2014 nas súas sedes de Madrid e Galicia.

Conta, igualmente, co patrocinio científico das Universidades de Zaragoza co Máster en Museos: Educación e Comunicación,  Santiago de Compostela e Vigo.

O Museo Provincial de Lugo encargarase das inscricións e certificados de asistencia.

ESTRUTURA E TEMÁTICA

O Congreso está estruturado en tres bloques temáticos: Xénero e Historia; Xénero e Museo; Arte e Xénero. Cada un dos anteriores ocupará un día completo dos tres nos que se desenvolverá o encontro e na orde correlativa mencionada liñas arriba.

1.º BLOQUE: XÉNERO E HISTORIA
Nesta primeira sesión titulada “Xénero e Historia” realizaremos unha aproximación e estado da cuestión dos Estudos de Xénero, así como o caso concreto dalgunhas asociacións de mulleres, que melloran a vida de moitas persoas; todo isto, xunto con varias intervencións que versarán sobre a Historia das mulleres. Os Estudos de Xénero, que se desenvolveron desde os anos sesenta do século XX, están centrados nas mulleres e a súa Historia, así como nas relacións entre mulleres e homes. Deste modo, abriron unha nova perspectiva enriquecendo a Historia que se escribira ata entón e construíndo un discurso científico no que se reflectían ambos os sexos.

2.º BLOQUE: XÉNERO E MUSEOS
Esta segunda sesión tratará sobre a Museografía e o Xénero. Así, asistiremos a un repaso completo dos museos dedicados ás mulleres en España estudando, tamén, que representación teñen as mulleres nos museos e centros patrimoniais a través das imaxes, concepto e linguaxe. Neste mesmo espazo presentarase un proxecto en rede do Museo Provincial de Lugo, o Museo de León e o Museo de Belas Artes de Murcia e, mediante o cal, se analizarán os roles de xénero de mulleres e homes a través das súas coleccións. Esta investigación parte do interese e da preocupación destes tres museos co obxectivo de visibilizar tanto as mulleres coma os homes, a través das representacións artísticas, analizando, tamén, neste sentido, os problemas existentes desde a visión dos museos.

3.º BLOQUE: XÉNERO E ARTE
Na terceira e última sesión do Congreso trataranse os temas das mulleres e a Arte Contemporánea, presentando tanto unha visión xeral e estado da cuestión en Galicia como de temas concretos, entre os que se encontran a xestión e o comisariado realizado por mulleres na actualidade. Con varias experiencias concretas de mulleres artistas, poderemos ver tanto o triunfo da independencia como a consecución dun obxectivo e, a través das súas obras, unha nova vía de comunicación, máis extensa, que nos relata as vidas e experiencias das mulleres e sobre as mulleres no pasado e no presente.

Cada bloque temático será articulado cun ou dous relatorios, unha mesa redonda e unha quenda para comunicacións, cuxas condicións son explicadas nesta primeira circular.