NORMAS DE PRESENTACIÓN DE COMUNICACIÓNS
As comunicacións presenciais deberán pertencer aos bloques temáticos mencionados no apartado superior: Historia e Xénero; Xénero e Museos; Arte e Xénero.
Cada unha das tres mesas de comunicacións estará rexida por un relator ou relatora diferente, especialista no bloque temático que vaia moderar.
Así, as comunicacións realizaranse segundo o formato de relatores. Segundo o anterior, o relator ou relatora realizará unha síntese de cada unha das exposicións, tras o que haberá un tempo de comentario para que se poidan realizar as aclaracións das e dos comunicantes. Posteriormente, abrirase a quenda de debate no que poderán interactuar os participantes xunto coas súas propostas. Finalmente, os relatores recollerán as conclusións de cada unha das mesas de comunicacións, enriquecendo o Congreso.
Disporase de 15 minutos para cada unha das comunicacións, divididos en 10 minutos para a exposición e 5 minutos para o debate. Respectaranse, rigorosamente, os tempos establecidos para que todas as persoas que interveñan poidan ter o mesmo tempo de exposición.
Prazos de Comunicacións:
- Entrega de título e resumo: 23 de setembro de 2013
Os resumos, cunha extensión ao redor de 400 palabras, enviaranse de forma electrónica, nun documento de formato Word 2003, ao seguinte enderezo de mail: congresogma@gmail.com e acompañándose do boletín de inscrición, debidamente cuberto, con todos os datos.
Unha vez estudados os resumos remitidos, o Comité Científico determinará a súa aprobación, reservándose o dereito de aceptalos ou rexeitalos. Do mesmo modo, a decisión seralles comunicada mediante correo electrónico ás autoras e autores das comunicacións.
- Entrega do texto da comunicación: 2 de outubro de 2013
As comunicacións aceptadas deberán presentar o texto completo, no prazo disposto, cunha extensión máxima de 8 páxinas a 1,5 espazos e corpo 12 en Times New Roman.
Solicítaselles ás persoas, que presenten comunicación, que cumpran rigorosamente os prazos establecidos, de modo que o Comité Científico poida organizar as mesas e realizar a selección das intervencións.