PIPA DE ESCUMA DE MAR
A colección de pipas de escuma de mar do Museo Provincial de Lugo componse de sete pezas, todas elas datadas polos mediados do século XIX. A maioría ingresaron no centro a través de adquisicións feitas case na súa totalidade nos anos 60 do século XX.
A escuma de mar é un mineral brando que debe a súa orixe á sedimentación calcárea de fósiles mariños. É un material lixeiro e duro que abranda ó contacto coa auga facilitando o proceso da talla.
Sobre o seu nome hai multitude de teorías pero a máis crible parece ser a que fai referencia a un grupo de mariñeiros turcos que atoparan flotando sobre as augas do Mar Negro fragmentos deste material, confundíndoos coa verdadeira escuma do océano.
O xacemento máis importante deste mineral localízase en Turquía, e tamén se atopa, en menor cantidade, en Grecia , Francia, España, Marrocos e Estados Unidos. Artesáns de Austria e Alemania, agrupados nun complexo sistema de mestres e aprendices, academias e institutos, realizaron os máis exquisitos exemplares que se coñecen.
Os motivos máis representados son personaxes mitolóxicos, bíblicos, de fábulas, pezas de exposicións internacionais, flores, mulleres …etc.
As boquillas das “verdadeiras” pipas, talladas maioritariamente durante os séculos XVIII e XIX, eran de ámbar en tonalidades que varian entre os amarelos, os laranxas e os vermellos. Posteriormente, ante a escaseza e o elevado custo dese material, empezaron a utilizarse o corno, o celuloide ou a goma endurecida.
A peza que aquí se amosa foi doada no ano 2006 por dona Purificación Gómez Neira. Ten o tubo e a cazoleta de escuma de mar, e a boquilla, fracturada, é de pasta. A cazoleta está decorada con lacerías e ataurique que remata cunha representación dun desnudo feminino. O fume sae da boca da muller por un pequeno orificio, o que dota ó obxecto de gran sensualidade.
Mª del Rosario Fernández González
|


|