TORQUES DE BURELA

Este torques foi dado a coñecer en 1954 por don Xosé Trapero Pardo e pasou a formar parte posteriormente da colección de don Álvaro Gil Varela e dos fondos do Museo de Lugo o 27 de febreiro de 1974.
Trátase dun colar ríxido adscrito morfoloxicamente ao tipo asturnorgalaico. Está composto por unha barra, de ouro moi puro, de sección circular no tramo central e heptagonal nos tercios laterais, recubertos de arames envoltos, convexos polo exterior e planos na súa cara interna, presentando 24 espirais nun tercio e 22 no outro. O tramo central circular presenta un traballo de filigrana aplicada de sete fíos soldados á barra, que delimitan seis bandas paralelas decoradas con dous fíos entrelazados formando oitos.
Os remates combinan un tronco de cono e unha escocia, e non teñen decoración. No seu plano superior presentan dúas perforacións. Tamén ten unha marca en forma de “X” no tercio central da barrra polo interior, marca que parece ser moderna.
Esta peza, atopada casualmente mentres se realizaban labores agrícolas, e confundida nun principio coa asa dun arcón, destaca polas súas dimensións e peso (1812 gr.), pouco frecuente neste tipo de xoia, o que fai pensar na imposibilidade de poñela no pescozo, o que nos leva a cuestionar a súa utilización como colar. Polo que se cre que o seu uso se limitaría a actos especiais comoi símbolo de poder e estatus social; ou ben, como xoia de carácter votivo a modo de ofrenda de connotacións relixiosas ou máxicas.
Os seus paralelos máis importantes son o torques de Marzán e o do castro da Recadieira II, tamén depositados no Museo de Lugo, pero o seu peso e a calidade do ouro son moi inferiores




Mª Ofelia Carnero Vázquez

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA