SAN FRANCISCO DE ASÍS

Madeira policromada. 106 x 186 x 0,47 cm.
Medalla de 1ª clase na Exposición Nacional de Belas Artes en 1926.
Depósito do Museo Reina Sofia
O ano 1926 conmemorouse o VII centenario da morte de San Francisco de Asís, efeméride á que se sumou Frasncisco Asorey (Cambados 1889- Santiago 1961) con dúas obras: a imaxe que comentamos e un grandioso monumento diante da súa igrexa de Compostela.
O santo de Asís aparece diante dunha árbore sobre a que se asenta o irmán lobo coa cabeza apoiada no brazo dereito do santo, equilibrando así a composición coas follas da árbore. O rostro do santo aparece xove, con cabelo disperso en ondas, as pálpebras caídas e a barba e o bigote ralos. Sobre a carrapucha, os ramos de oliveira semellan un halo, símbolo da fraterna paz franciscana.
A modo de saial, viste farrapos que deixan ao descuberto a parte superior do tórax, e que van cinguidos ao van cun dobre cordón no que se fixeron tres nós, símbolo dos tres votos: pobreza, castidade e obediencia.
A policromía, onde o artista fai gala dunha exquisita técnica, destaca a pequenez dos anacos empregados e ás veces pode lembrar a decoración dalgúns códices medievais.
Os brazos abertos imitan unha cruz. Nas mans e nos pés descalzos, en posición de andar, amósanse os estigmas da Paixón de Cristo.
Francisco Bardone (1182-1226), nado en Asís, cidade da Umbria italiana, era fillo de pais nobres e ricos e convertiuse nunha das figuras máis atractivas de todos os tempos. Como consecuencia da súa obra, inspirada na pobreza e no amor a todas as criatiuras, xorde a Orde dos Franciscanos.
Francisco Asorey inicia a súa formación en Sarriá (Barcelona). A súa obra caracterízase pola recuperación dos ideais clasicistas e humanistas a través do equilibrio e de trazos arcaizantes. As tallas da súa autoría feitas en madeira policromada encádranse nun primitivismo inxenuo e popular.



José Manuel Mendoza Castiñeira

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA