ESTELA FUNERARIA DE CRECENTE

Amósase á nosa vista un dos mellores exemplares da epigrafía funeraria que se exhibe neste museo, no que ingresa en 1995. A estela, conservada na súa integridade, procede do lugar de Crecente, San Pedro de Mera (Lugo) e foi labrada en granito fino. É de tipo placa con cabeceira semicircular, parte posterior sen traballar e fronte organizada en tres seccións, con unhas medidas de 2,81 de altura por 0,71 de anchura e 0,20 m. de grosor.
Ocupa a parte superior, nun campo reafundido, un retrato familiar composto por catro personaxes, un home de pé, dúas mulleres sentadas e, sobre o colo da situada á esquerda, un neno. Os retratados visten túnicas longas de manga curta cruzada por unha toga ou pano arroiado sobre o ombreiro dereito. Dos bordes da súa vestimenta penden unha especie de flocos de adorno. Os personaxes femininos e o neno adórnanse cun colar de contas dunha volta e pulseira de dous aros. O neno sostén, ademais, unha pelota na súa man esquerda e un aro na súa dereita. O terceiro sector corresponde ao tocón enterrado para asegurar a peza en terra.
Podemos identificar os personaxes a través da inscrición do sector central da peza no que se consigna un epígrafe funerario organizado en seis liñas, en capital romana de correctos trazo e disposición, do seguinte tenor:
APANA • AMBO
LLI • F(ilia) • CELTICA
SVPERTAM(ARICA)
[ ) ] • MIOBRI
AN(Norum) • XXV • H(ic) • S(ita) • E(st)
APANVS • FR(ater) • F(aciendum) • C(uravit)

Apana, filla de Ambolo, de pobo dos Célticos Supertamáricos (por encima do río Tambre, da parentela (ou do castelo) de Miobri. Morta aos 25 anos. Aquí está enterrada. Apano, o seu irmán, mandou erixir este dedicatoria.

Á parte do seu valor epigráfico, esta peza constitúe, a non dubidar, un interesante documento histórico dos primeiros momentos da ocupación poboacional da contorna de Lucus Augusti, pois está datada a mediados do s. I d. C.
E, como non, destaca, sobre todo, por constituír o magnífico primeiro retrato dunha familia galaica ao completo.


Enrique Alcorta Irastorza

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA