MOSAICO DE DÉDALO E PASIFAE (DETALLE).

Este mosaico romano da primeira metade do s. III d. C. apareceu nas escavacións levadas a cabo en 1986 no solar nº 10 da Rúa Armañá de Lugo. Cubría o chan dunha grande habitación duns trinta e oito metros cadrados, posiblemente un triclinium (comedor). Ingresou no museo, como depósito da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en setembro de 1995.
O nome débello ao motivo mitolóxico da parte central, un emblema cunha representación figurativa do momento no que Dédalo lle entrega a Pasifae a vaca construída por el para que seducise ao touro branco do que estaba namorada.
O termo mosaico aplícase xeralmente á técnica de decoración de superficies arquitectónicas con pequenas pezas talladas de forma máis ou menos semellante a un prisma, as teselas, que poden ser de pedra, vidro ou cerámica e asentadas nunha capa de xeso ou morteiro. O mosaico naceu cunha función utilitaria, para ser lavado con auga.
O emblema está fixado sobre un cadrado de 1,85 m. de lado e está composto por teselas de pedras calcáreas de 0,5 cm. de lado (Opus Verniculatum).
Destaca, en primeiro lugar, unha figura sedente, cuxa cabeza resulta irrecoñecible. Viste túnica cinguida con cinturón negro e calza caligas (sandalias propias do soldado romano) de media cana atadas con cordóns, aparenta sentado sobre unha cadeira de patas cadradas, ao lado da cal aparece unha especie de cesto con asas en cuxo interior se distingue unha gubia de carpinteiro enmangada e a boca e o molde dun xarro picudo. Sobre o borde do cestiño parece distinguirse un paxariño pousado e con ás semidespregadas. Diante desta figura a cabeza dun touro, coa cornamenta volta e as orellas erectas.
Ao outro lado da gran figura sedente, da que só se conserva un fragmento central, na que se aprecia que viste unha túnica larga, a franxas verticais, de color ocre e amarelo e un manto cinguido ao tronco e o brazo dereito, polo que parece unha figura feminina.
Por outra parte, no extremo dereito do recadro do emblema érguese unha construcción arquitectónica, que parece ser unha torre, en cuxa planta baixa aparece unha gran porta de arco de medio punto, na planta superior aparecen dúas ventas e por encima desta planta consérvanse os restos da representación da terceira.


Mª Ofelia Carnero Vázquez

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA