RELOXO DE SOL

É moi chamativa a gran abundancia de reloxos de sol na nosa terra na que predominan os días nubros, e este museo posúe a colección máis completa de reloxos de sol de Galicia. Na maior parte trátase de obras de artesanía popular, construídos case sempre en granito (das canteiras da provincia de Pontevedra) aínda que en Lugo estílanse mais os de lousa.
Os reloxos de sol son instrumentos para medir o tempo, concretamente as horas do día. Dende as súas orixes consta de dúas partes fixas: unha é a chamada face, cara, ou táboa do reloxo, que é a superficie sobre a que están marcadas as liñas que representan as horas do día; a outra é unha varilla chamada estilo, ou gnomon se é unha superficie plana. A sombra que o movemento do sol vai proxectando ó longo do día sobre a face é a que sinala as horas.
O Museo Provincial de Lugo conta con corenta e dúas pezas clasificadas da seguinte forma:

Rectangulares (16)
Antropomorfos (21)
Circulares (1)
Semicirculares (1)
De fantasía (2)
Cúbicos (1)

En canto á súa construción a maioría dos exemplares son verticais ortomeridianos (sempre orientados ó Sur). Tamén os hai meridianos, canónicos e horizontais, moi escasos, dos que o Museo só posúe un de lousa.
A peza que se pode observar na foto é unha escultura feita en granito que representa a figura dunha muller con dobre túnica, brazos espidos e cabelo longo. No ombreiro dereito sostén un reloxo de sol coa táboa circular e numeración árabe. Mercouse para o Museo o ano 1958 polo prezo de 7500 pesetas (45 euros) grazas a unha doazón do benefactor do Museo don Antonio Fernández.

Mª del Rosario Fernández González

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA