RELOXO DE PETO

A colección de reloxos do Museo Provincial de Lugo intégrana as seguintes pezas:

74 reloxos de peto dos ss. XVIII, XIX e XX.
42 reloxos de sol dos ss. XVII, XVIII, XIX e XX.
21 reloxos de sobremesa dos ss. XVIII, XIX e XX.
2 reloxos de sol portátiles do s. XX.
8 reloxos murais dos ss. XVIII e XIX.
9 leontinas.
10 reloxeiras de alcoba.
1 reloxeira de sobremesa.
1 chave de reloxo.

Os reloxos de peto inventáronse en Francia a mediados do s. XV, pero foi o cerralleiro e mecánico de precisión alemán Peter Henlein (Nurenberg, 1480-1542) o que creou o primeiro exemplar deste tipo. Construíu cara a 1510 o resorte do volante do reloxo, que supuxo converter o reloxo fixo en móbil.
Os primeiros reloxos de peto soaban cada hora, tiñan unha corda que duraba unhas 40 horas e posuían unha única agulla. Nun primeiro momento fixéronse circulares pero despois déuselles unha configuración ovoide.
A peza que aquí aparece fotografada pertence a un tipo de reloxos que xurdiron en Suiza cara a 1900, patente da marca Record Watch Cª S.A. Tramelan. Posúe unha orixinal caixa en forma de abano aberto, con dobre escala de horas e minutos, de 0 a 12 e de 0 a 60, que non comprende máis que 120 º do círculo. Cando calquera das dúas agullas chega ó lado dereito, retorna automaticamente a 0 no oposto; é dicir, unha cada hora e outra cada doce.
O escape é de áncora, a corda mediante cebola e a esfera son de esmalte branco sobre o que vai a numeración árabe de horas e segundos. A caixa protéxese cunha tapadeira ornamentada coa figura dunha muller co busto descuberto que se atopa decorando un xarro.
O reloxo adquiriuse para o Museo o ano 1964.

Mª del Rosario Fernández González

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA