COCIÑA

Edificada no século XVIII, a cociña é unha das dependencias máis típicas e características do Museo Provincial de Lugo. De planta cuadrangular, cóbrese cun tellado de lousas a dúas augas sobre un armazón de vigas e táboas de madeira.
Como elemento máis significativo, esta antiga cociña conventual ofrece unha espléndida lareira de cantería. A súa vistosa cheminea, feita de cachotería, presenta rústicas pechinas que propician un rematado troncocónico no que se abren dúas filas de ocos para a saída de fumes. De cantería son tamén os dous vertedoiros e un singular mesado, orixinais da cociña conventual.
A cociña alberga diverso mobiliario e unha boa colección de útiles tradicionais da cociña galega, formando todo un conxunto de gran valor etnográfico. Chama especialmente a atención a interesantísima mostra de olería popular, composta maiormente por pezas realizadas en obradoiros da provincia de Lugo, fundamentalmente da Terra Chá (Silvarrei, Bonxe...), de Gundivós (Sober) e de Samos. Entre elas temos barreñóns, empregados, entre outras cousas, para preparar a zorza no tempo da matanza do porco; ámboas, nas que se gardaba viño, auga ou vinagre; e unha gran barreña para facer a bogada que presenta, na súa parte inferior, un picho para facilitar o baleirado da auga. Completan esta mostra xarras de bigotes, pratos, cuncas, olas, cazolas para a graxa, ... etc. ; así como unha orixinal xarra de trampa.
Dos utensilios e mobiliario da lareira cómpre destacar un peculiar guindastre de ferro forxado que servía para colgar o pote. Na súa parte superior sitúanse tres cunqueiros que tiñan por obxecto conservar quentes as cuncas de caldo. Arredor deste guindastre sitúanse diferentes útiles de ferro fundido como potas, cazos e unha orixinal filloeira, ademais dos característicos potes galegos que se empregaban para cociñar. Tamén atopamos un escano, un banco con capoeira e diversos tallos.
Da espeteira penduran varias tixolas, ademais de cazos, escumadeiras, moldes para doces e unha pa para voltear. Entre os útiles de madeira chama a atención unha sella, reforzada con aros de latón, co seu correspondente garfelo ou cazo para beber.

Fernando Arribas Arias

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA