XARRO DE GUNDIVÓS

Gundivós é unha parroquia do concello de Sober, na chamada Terra de Lemos. As pezas desta olería amosan unhas características bastante uniformes, cun borde alto, recto, un colo sempre curto, a panza piriforme, e a base, ou cu, plano.
A cor negra tan preciada destes obxectos débese ó proceso de cochura xa que se pechaba hermeticamente o forno e ó concentrarse o hidróxeno e o dióxido de carbono, ennegrecíanse as pezas. Segundo o arqueólogo Blas Taracena Aguirre este é o mesmo sistema que usaban os celtas do noroeste peninsular.
Entre as influencias que podemos atopar neste foco de producción destacan:

-A cor e a decoración lémbrannos as pezas da cultura castrexa.
-A morfoloxía estilizada, as panzas piriformes invertidas e a cor negra coinciden coa cerámica común romana.
-O borde marcado e vertical pode verse en restos de finais da Idade Media.

O xarro é a forma máis representativa da alfarería de Gundivós. As súas características máis marcadas son:

-Recipiente exclusivo para o viño.
-Toda a panza adórnase con reforzos (bincos) e bigotes.
-A boca é trebolada.
-A capacidade varía entre o cuarto de litro e os dezaseis do maior, chamado xarro avó.

O conxunto de adornos compón a figura antropomorfa dun rostro humano con amplos bigotes. Algúns xarros levan dous pequenos botón ós lados da biqueira a modo de ollos que vixían os excesos do bebedor. Noutros casos, sentado no borde, colocábase a figura dun pequeno can, tamén vixiante.


Mª del Rosario Fernández González

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA